Saturday 27 de April de 2024

Lete enxalza a tecnificación deportiva galega que vén de levar a dúas rapazaas do Nade de Surf ao Mundial de el Salvador


_Cristina del Llano, pertencente a “La vieja escuela by After surf” da Coruña, acudirá ao Mundial como titular e Daniela Alonso do club Dacss de Nigrán (Pontevedra), farao como suplente

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe a Cristina del Llano e Daniela Alonso, dúas deportistas do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf que veñen se ser convocadas pola Federación Española de Surfing para o ISA World Junior Surfing Championship que terá lugar en El Salvador do 3 ao 12 de maio, concretamente na categoría sub 16. Por unha banda, Cristina del Llano, pertencente a “La vieja escuela by After surf” da Coruña, acudirá ao Mundial como titular. Pola outra,  Daniela Alonso do club Dacss de Nigrán (Pontevedra), farao como suplente.

Ambas as dúas surfistas pertencen ao Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que a federación galega desenvolve en Nigrán da man da Xunta de Galicia. O NADE de surf  contribúe a identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma e traballar nas futuras metas dun deporte que xa é olímpico dende os pasados Xogos de Toquío da man do seu coordinador Coque Araújo. ‘Calidade Surfing’ representa o interese estratéxico do surf galego, encamiñado á participación dos deportistas galegos en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

O mandatario galego destacou a importancia desta convocatoria porque reflicte á perfección o traballo que se está a realizar no NADE, inaugurado pola Xunta en marzo de 2022 e que supón unha actuación estratéxica xa que o surf é olímpico dende os últimos Xogos de Toquío 2020. Neste sentido, Lete Lasa subliñou o excelente estado de saúde do surf en Galicia, nomeadamente nas idades máis temperás, xa que o 63% de todas as licenzas federativas -1.328 sobre 2.116- son de rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Ademais, destacou que a de surf é unha das federacións con maior igualdade cun 43% de mulleres. Cómpre salientar que é a primeira vez que un deportista galego acude a un mundial na modalidade olímpica de surf desde que o fixera Gony Zubizarreta no ano 2018.